A Xunta reabrirá ao tráfico o Corredor do Morrazo o vindeiro venres, día 24 de febreiro, poñendo fin ao período de peche no treito entre Rande e o enlace de Meira, que foi necesario para preservar a seguridade de traballadores e usuarios durante as voaduras necesarias para as obras de desdobramento.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou onte por carta aos alcaldes de Cangas, Xosé Manuel Pazos, de Moaña, Leticia Santos, e de Bueu, Félix Juncal, da data exacta de restablecemento da circulación.
O corte do Corredor do Morrazo estivo motivado polo comportamento inestable e imprevisible do terreo dos noiros durante os traballos de voaduras. Despois de analizar diferentes alternativas, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas concluíron que só o peche ao tráfico podía garantir o progreso das obras en plenas condicións de seguridade para os condutores e os operarios.
Por ese motivo, o Corredor do Morrazo permaneceu pechado ao tráfico desde o 2 de novembro ata o 21 de decembro, data na que se reabriu con motivo da operación especial activada pola Dirección Xeral de Tráfico con motivo do Nadal. Posteriormente, o 9 de xaneiro volveu a pecharse ao tráfico o mesmo treito.